Mateo Fontán Couto
Dende 2012
a cidade de Pontevedra posúe un
ENIL, ou o que é o mesmo: un Espazo Natural de Interese Local.
Trátase de case 70 hectáreas –das cales 48 pertencen á xunqueira
propiamente dita– conformando un dos máis fermosos paraxes natural
e paisaxístico
dos que podemos desfrutar. Unha
marisma de terreo
comunal encadrada
nas parroquias de Lérez e Campañó, coñecida
baixo o nome de Xunqueira da Gándara do Alba, do Vao ou de San
Caetano.
A devandita marisma a podemos dividir en: marisma alta, marisma baixa e chaira
lamacenta na súa desembocadura, configurando
unha zona húmida
de augas doces
dos ríos
Rons e Lérez mais as salgadas da ría. Este humidal é o único de
Galicia cualificado como ENIL –en 2009 de
forma provisional e en 2012 definitivamente–
segundo a Lei 9/2001 de Conservación da Natureza de Galicia. As
zonas húmidas presentan
un ecosistema fráxil e complexo, ademais de ser belidos e
interesantes recunchos tanto faunísticos como paisaxísticos. É
sabido que os humidais pasan tempos anegados pola auga e posúen unha
vexetación específica.
A
paraxe non se constitúe tan só de marismas, senón que tamén
fórmano matogueiras,
lagoas costeiras ou bosques aluviais ou de ribeira con diferentes
especies. Así, podemos percorrer unha especie de «eco-mapa» de
arredor dos 550 metros de anchura. O
seguimento profesional deste tipo de lugares revélase como unha
tarefa fundamental para a súa conservación, facendo especial énfase
no control da introdución de especies alóctonas ou exóticas,
as cales poden
variar e danar gravemente o ecosistema. Tamén é conveniente
a introdución de gando, o pastoreo con
cabalos ou o control da vexetación mediante segas, entre outras
medidas.

Neste micro mundo natural convive
unha fauna diversa e interesante. Nas
diferentes guías editadas polo Concello
podémonos familiarizar cos habitantes do lugar. Nos estudos
referidos á Xunqueira da Gándara do Alba, froito de moito tempo de
observación e catalogación, rexístranse: 43 especies de
bolboretas, 101 anfibios, máis de 20 libeliñas, 133 aves, 13
mamíferos e máis de 170 tipos de flora. O paseo por este lugar
convértese
nun magnífico observatorio natural onde poder descubrir, identificar
e desfrutar das especies que o conforman.
Das 133
especies de aves –das que 52 crían no propio espazo natural–
catro están en perigo de extinción e tres son vulnerables, dentro
do Catálogo galego de especies
ameazadas.
Estando atento, e cun ollo un tanto adestrado, podemos distinguir á
Rula, ao Lavanco, á paciente Garza real, ao Corvo mariño grande
secando as súas ás ao sol, á nocturna Curuxa, ao velocísimo
Falcón peregrino que gusta de pousarse nos postes da electricidade,
ao belido Picapeixe, ao Gabeador trepando polas árbores, ao Cirrio
alimentándose en pleno voo ou ao Bico de coral, a especie máis
numerosa do espazo a pesar de ser invasora.
Unha das guías editadas polo Concello
Imaxe: todocolección.net
Os
anfibios sofren circunstancias que fan que periguen a súa
integridade: a presión humana, os vertidos ou a presenza de especies
invasoras como o Caranguexo vermello. En Galicia se documentan
catorce especies de anfibios, das cales dez podémolas buscar no ENIL
da Xunqueira. Son tres as zonas húmidas onde buscalas: a marisma, a
charca de auga doce da Xunqueira do Alba e a Charca do Burgo, de auga
salobre. Pese a dispersión dos anfibios por todo o ENIL, dáse
un menor
número deles nas zonas influenciadas polas mareas, debido á maior
salinidade.
Para
poder coñecer a estes curiosos animais debemos ter en conta a súa
nocturnidade, presente na maioría de especies e ordes (Anura
e Caudata).
Temos á Píntega común; aos Tritóns verdes, común ou palmado;
ao
Sapo común, ao corredor e mais ao pinto que é o máis numeroso do
lugar; á Ra patilonga ou á verde común, etc.
No
ENIL tamén nos atopamos con fermosas libeliñas. Pertencen á orde
dos odonatos –nome que fai referencia a súa mandíbula dentada–
coas subordes dos anisópteros, das que formarían parte as
libélulas, e dos zigópteros, coñecidos como cabaliños do demo. As
súas cores metalizadas e os corpos alongados fanas inconfundibles na
biodiversidade do entorno.
Podemos observar entre outros: ao Gaiteiro azul e ao
vermello; ao Gaiteiriño verde, que é o único dos odonatos que pon
ovos sobre a madeira viva; á Donceliña ibérica ou de Graells co
seu curioso horario da cópula, de 14:00 a 15:50; á Donceliña do
mercurio ou á vermella, esta última a máis numerosa do lugar; ao
Emperador grande; á Libeliña do luscofusco; etc.
Todo un fermoso mundo tan preto da cidade supón un
atractivo ineludible para aquel que desexe fuxir do ritmo urbano, ou
simplemente desfrutar da natureza nun instrutivo paseo. Contemplar e
protexer a flora e fauna son sinais civilizadas.
Para saber máis:
- CABALEIRO
BARROSO, V.
X..: Guiá
de aves do ENIL Xunqueira de Alba,
Concellaría de Medio
Ambiente Natural. Concello de
Pontevedra, Pontevedra, 2010.
- CABALEIRO BARROSO,
V. X..:
Guiá de anfibios do
ENIL Xunqueira de Alba,
Concellaría de Medio
Ambiente Natural. Concello de
Pontevedra, Pontevedra, 2011.
- CABALEIRO BARROSO,
V. X..:
«O
Espazo Natural de Interes Local Xunqueira do Alba»,
Cedofeita,
nº 18,
Pontevedra, 2014,
pp.36-39.
-
FERNÁNDEZ MARTÍNEZ, M. A.:
Guiá de
odonatos do ENIL Xunqueira de Alba,
Oficina
de Medio Ambiente Natural. Concello de
Pontevedra, Pontevedra, 2011.
-
GONZÁLEZ, S. (Elaboración de contidos): A
Xunqueira do Alba. O benestar de
Pontevedra,
Concello de Pontevedra - Concellaría
de Medio Ambiente Natural, Pontevedra,
2011.
muy interesante
ResponderEliminar