VIACRUCIS DA "CONFRARÍA DO INSTITUTO"

Mateo Fontán Couto 
Un ano máis chegado o tempo da Coresma, preludio da Semana Santa, a Confraría do Espírito Santo de Pontevedra celebra, durante tódolos venres, os tradicionais viacrucis na igrexa conventual de Santa Clara. Esta Irmandade fundouse en 1952 da man de Xosé Filgueira Valverde e dun grupo de profesores vinculados ao antigo Instituto de Pontevedra, de aí que o emblema da corporación sexa unha cruz flordelisada coas letras IP  no medio, e que ben cedo dérase a coñecer entre as xentes da cidade como «Confraría do Instituto», xa que estaría formada maioritariamente por alumnos e ex alumnos deste centro de ensino.

Dende o seu nacemento, esta agrupación relixiosa levaría a cabo diversos actos de índole litúrxica e cultural, cultivando unha personalidade propia, ao mesmo tempo que axudaría a dotar á Semana Santa pontevedresa de características particulares. De entre estas actividades desenvoltas nos templos da cidade podemos salientar: o lavatorio de pés, no Xoves Santo; a adoración da Cruz, no Venres Santo ou a custodia do Lignum Crucis e a celebración do lume na vixilia do Sábado Santo. Isto, complementando aos traslados e ás saídas procesionais no Xoves e Venres Santo, principais manifestacións da confraría durante a Semana de Paixón na cidade.

Pero tamén levaban a cabo, os  alumnos e alumnas, a representación de antigos Autos Sacramentais de Timoneda ou Lucas Fernández, nas Ruínas de San Domingos. Asemade, o Coro do Instituto –outra das iniciativas de Filgueira– ofrecía coidados concertos e ilustraba  Oficios e tamén este tipo de belidas representacións saídas dos vetustos códices.

Outro dos actos entrañables da confraría era a celebración dos viacrucis, onde durante o percorrido das catorce estacións líanse textos de autores clásicos do Século de Ouro español –frei Diego de Hojeda, Juan López de Úbeda, Lope de Vega, Quevedo ou frei Diego de Murillo– seleccionados polos alumnos de literatura do instituto, e que se podían mercar nun xeitoso libriño por dez pesetas. Do «Le chemin de la Croix» composto polo diplomático e poeta francés Paul Claudel (1868-1965), entre os anos 1911-1913, escolleu o polígrafo Filgueira Valverde líricos fragmentos para verter ao galego e mais ao castelán, como tamén faría o poeta gaditano José María Pemán. De feito, temos constancia disto na publicación en 1968 na revista Grial destes fragmentos na súa versión galega; e anos máis tarde, con motivo das Vodas de Ouro, dunha edición dos mesmos en castelán levada cara adiante pola confraría.

 En orixe, estes viacrucis celebrábanse na igrexa de Santa Clara, para posteriormente producirse no templo conventual de San Francisco. A súa fama era notoria na cidade, constituíndo un acto devoto e cultural. Co tempo a tradición foi esmorecendo, cunha única representación no Sábado Santo na Basílica de Santa María, ata a súa desaparición.

No ano 2000 a Confraría do Espírito Santo, presidida daquela por José Manuel Brea Vaamonde, decide retomar a celebración dos viacrucis durante os venres da Coresma. Volveuse a igrexa do convento de Santa Clara para a súa realización e contouse coa colaboración do coro Ultreia. Actualmente é o Coro dos ex Cantores do Instituto quen participa cada venres con fermosos motetes de destacados compositores, engalanando a lectura dos  pasaxes de Claudel que repártense confrades, propios membros do coro e fieis. Compoñentes do Espírito Santo, ataviados con hábito e beca, percorren as estacións repartidas polo templo escoltando con fachóns  á cruz guía da confraría a cal, trala última lectura, é ofrecida ao público asistente para ser bicada. No ano 2006 editouse un CD coa gravación das estacións do viacrucis –na conmovedora voz de Jorge Fernández Amoedo–  xunto ao repertorio musical dos ex Cantores. Hoxe, venres de Coresma, a tradición continua por medio da oración, a lírica e o canto polifónico.


                                          (Fonte: Arquivo A. C. R. Confraría do Espírito Santo)

Artigo publicado no Diario de Pontevedra o 8 de abril de 2017.

Comentarios

Publicacións populares