UN ANO SEN FRAN CORTEGOSO
Mateo
Fontán Couto
Ás veces na excitada pero imperturbable fraga da
lírica unha árbore cae, e como formula o enigma: se non ai ninguén
preto para confirmalo, fai ruído?
Francisco Cortegoso naceu en Pontevedra no agosto de
1985. Fíxose filólogo en lingua galega; escribiu poesía e con
trinta e un anos morrería, moi cedo. Foi un 5 de outubro de
2016, data no que o seu libro de poemas titulado Suicidas chegaba
ás librerías, cando este mozo deixaba unha obra intensa e breve
como o ronsel da lumarada
que xurde na
boca dun dragón.
Como
autor, Fran dirixe os seus pasos cara a unha reflexión xurdida da
mestura entre a necesidade da
expresión, a lectura meditada
e o máis inefable impulso da lírica orixinal. O
destemido carácter da xuventude fai dos
seus versos atrevidas
composicións
que logran adquirir o ton profesional que require o esforzo de ser
vate. Un autor que consegue
ser novo mediante o traballo, debedor de autores
e da formación adquirida, e
que o
leva a
ser unha voz autorizada no
mundo da poesía galega.
Porque se ben este mundo lírico
cada vez atópase máis poboado –e ben vido sexa– resulta máis
complicado toparse con traballos xurdidos non só da imprescindible
experiencia persoal, senón tamén da disciplina e o tempo que formar
un poema require. Porque si se pode chegar a crear
un poema de calidade
nun pequeno tempo, case nun impulso, tamén
se precisa da intuición,
da práctica, do compoñer e modelar e, claro está, do talento. Todo
iso Fran posúeo.
Comezou a súa andaina literaria publicando en
revistas; un primeiro título chega con Ningún home dentro da
revista Galicia Hoxe; trátase dun conxunto de poemas onde se
albisca ao autor que conforma a Cortegoso: versos curtos cunha
expresión fonda non sempre fácil de comprender. Titula tres dos
poemas co nome de Derrida, sendo a referencia a outros autores
influentes outra das características da súa obra. En 2014 Espiral
Maior edítalle o libro Memorial e danza polo que obtivo o
premio Pérez Parallé. O seu derradeiro poemario foi o citado
Suicidas, editado por Chan da pólvora en 2016. Este libro
audaz de intención e estilo rochoso amósanos a un Fran que busca a
súa linguaxe e danos profesionalmente as súas posibilidades como
autor. Escríbeo entre os vinte e vinte e cinco anos de idade, dálle
forma e lánzao ao lector; resultaría ser un epílogo irónico da
propia vida do autor onde os nomes de diferentes poetas e figuras
literarias percorren as liñas versificadas que Fran nos ofrece;
poetas suicidas e reflexións pesadas pola violencia. De novo as
composicións breves con expresión curta e profunda; na súa forma
orixinal de compoñer Fran Cortegoso móstrase como un autor serio e
de certa solemnidade.
A súa lírica tamén se pode atopar en obras colectivas e
diferentes publicacións. Un poemario titulado Carta ao poeta
español permanece inédito a pesar de que algunha composición
xa fora publicada na revista Grial. Cómpre reunir a súa obra
e editala con estudos por parte dos expertos e sobre todo cómpre dar
a coñecelo ao profano e ao poeta aficionado, que poida admirar a
froita madura dunha árbore nova. Porque Fran Cortegoso é unha
árbore caída da fraga da lírica que fai un ruído afastado e
constante no seu caer. O malfadado poeta pontevedrés entra na nómina
doutros xoves autores de indubidable talento e influencia –aí
temos o noso Amado Carballo– aos que a morte invita pronto a súa
mesa, talvez para gustar da súa conversa.
Un dos grandes: Gerardo Diego é autor dun belido poema
titulado «En mitad de un verso» que me fai recordar a Fran ao que
nunca cheguei a coñecer en persoa pero ao que admiro xa como un
autor perenne.
EN MITAD DE UN VERSO
Murió en mitad de un verso,
cantándole, floreciéndole,
y quedó el verso abierto, disponible
para la eternidad,
mecido por la brisa,
la brisa que jamás concluye,
verso sin terminar, poeta eterno.
Quién se muriera así
al aire de una silaba.
Y al conocer esa muerte de poeta,
recordé otra de mis oraciones
«Quiero vivir, morir, siempre cantando
y no quiero saber por qué ni cuándo.»
Sí, en el seno del verso,
que le concluya y me concluya Dios.
(De Cementerio civil)
Para saber máis:
-
CORTEGOSO.
FRAN
(2013[2008]).
“Ningún home”. Galicia
Hoxe.
“Revista das Letras”: 739 (2/10/18),
pp.1-8.
Reedición en poesiagalega.org.
Arquivo
de poéticas contemporáneas na cultura,
[en
líña], [citado o 11-10-2017], dispoñible en <http://www.poesiagalega.org/arquivo/ficha/f/2595
- CORTEGOSO,
F.: Memorial e danza,
Espiral Maior, 2013.
- CORTEGOSO,
F.: Suicidas,
Chan da pólvora, 2016.
Fran Cortegoso
(Foto: Chan da pólvora)
Comentarios
Publicar un comentario