SEGREDOS AO DESCUBERTO
Mateo Fontán Couto
Veño de ler o recente traballo de Buenaventura Aparicio Casado e Antonio Dela Peña Santos titulado Segredos ao descuberto. Está a resultar unha obra moi celebrada nas críticas da xente de valía á hora da “engorrosa” tarefa de emitir un veredicto. Ademais o libro vén acompañado da recente editorial de selo Ab Origine a quen desde aquí deséxolle anos de labor.
Dos petróglifos galegos tense publicado bastante arreo, a pesar de se tratar dun tema arqueolóxico e patrimonial; os do gremio xa me entenden. Desas moitas referencias non poucas llas debemos á pluma destes dous “cus inquedos”, auténticos ministros da arte rupestre.
No entanto, este libro aborda unha temática nova que os “grupis” que seguimos as charlas e conferencias de Buenaventura sabíamos que tarde ou cedo tiña que confluír nun texto. A tese sobre a que pivota a obra refire, máis ou menos, sobre os petróglifos que nos chegaron gracias ao “indulto” dos canteiros, culpabilizados ao longo da historiografía da destrución de moitas das nosas estacións rupestres.
Así, este gremio tan galaico foi consciente da valía –máis ca do valor– deste tipo de insculturas, e xunto a un corpus de crenzas rurais asociadas a estas manifestacións deu lugar a que un bo número dos nosos petróglifos evidencien traballos de cantería ao seu redor, deixando sen tocar os motivos –xeralmente zoomorfos– que a estes homes parecíalles dignos de ser respectados. A fin e ao cabo, quen pode sentir mellor o respecto a unha pedra máis ca un canteiro.
Xunto a esta reformulación da figura do canteiro, non sempre ben entendida con respecto ao noso patrimonio rupestre por pura desidia dos observadores, fálase tamén dos buscadores de tesouros, determinados estes en non poucos casos pola presencia dun petróglifo. Galicia vivíu unha autentica “febre do ouro” parida por a mitoloxía dos “encantos” inscritos na pedra e por grimorios de sona como o “Ciprianillo”: sorte de libro que xa quixeran para si os actuais best sellers.
De la Peña enmarca o volume coa rotundidade que cobra unha voz autorizada, diría a que máis sobre este tema dos petróglifos. Debuxa un percorrido historiográfico necesario á hora de entender o devir destes gravados, pois coidado! estamos a falar de pasado, sociedades, misterios, linguaxes, traballo, estudos... mestura de valores para ter en conta. De Buenaventura sempre me gustou ese non sei que doce da súa prosa, el conta. Forman un tándem experimentado e dan lugar a unha estrutura ben fiada do asunto, a engadir o entretido que resulta o ler sobre mouras, encantos e demais. Gústoume o estilo, a forma, gústoume o título... en fin, gústoume o libro.
Libro-tributo aos pedreiros. A rigorosidade dunha investigación dende o impulsivo do querer e a admiración. Unha liña loxicamente encetada a seguir en futuras pesquisas. Libro tamén que canta o necesario da cooperación da Arqueoloxía e a Antropoloxía, irmáns non sempre ben avenidas.
Destaco así mesmo o prólogo de Rafa Quintía: saeta certeira e sentida. Destes actores da obra –os dous autores máis o prologuista– temos que destacar a súa forza á hora de defender a nosa arte rupestre, a cal languidece ante unha, diría que nula, protección dende as administracións. Andan a buscar a declaración dos nosos petróglifos como Patrimonio da Humanidade, e abofé que o conseguirán; mentras tanto os demais xa podemos remar.
A presentación do libro no Museo Provincial resultou un “divertimento” moi gustoso: coa retranca de Cota, a intervención de Quintía e a dos dous autores; todo envolto na nosa música tradicional. Ben feito!
Coido que a erosión rochosa, tan caprichosa ás veces, rematará por formar en dúas laxes graníticas a faciana de Antonio e Buenaventura, nunha especie de homenaxe a quen tanto tempo ficaron mirando para elas.
Comentarios
Publicar un comentario