TRES CURIOSIDADES NA FACHADA DE SANTA MARÍA

Mateo Fontán Couto

Sobre a fermosura da basílica de Santa María de Pontevedra tense escrito moito aínda que diría que nunca dabondoe máis en concreto acerca da impresionante fachada principal, verdadeiro retablo pétreo de sabor renacentista e formas similares ao Hospital Real de Santiago, primeiro edificio deste estilo realizado en Galicia. Moitos foron os autores e intelectuais que louvaron o belido desta obra encargada polo poderoso Gremio de Mareantes aos artistas Cornellis de Holanda e Joan Noble. Begoña Fernández fala dunha terceira man na execución, a dun «Mestre Borgoñón».

Neste libro inscrito no granito podemos salientar multitude de aspectos formais, artísticos, iconográficos, etc. Fixémonos hoxe en tres estampas curiosas desta fachada:
  • San Xerome, o santo con lentes: no primeiro corpo da fachada, na derradeira rúa do lado da Epístola, represéntase a este Doutor da Igrexa Romana nado en Estridón, na rexión de Dalmacia –actual Croacia– sobre o ano 340. Foi anacoreta durante un período da súa vida (353-358); tras isto, o Papa Damaso I convérteo no seu secretario e faille o encargo da tradución da Biblia ao latín (a Vulgata), feito este polo que é máis coñecido. Como gran tradutor que foi, san Xerome é o patrón dos que se dedican a esta nobre tarefa así como dos bibliotecarios. Morrería no 420 nun mosteiro preto de Belén.
    Na representación que podemos apreciar na basílica vémolo sentado nunha cátedra e lendo sobre un atril coas características lentes a pesar de que estas serían inventadas por Roger Bacon con posterioridade (principios do século XIII); presenta outros atributos como o crucifixo ou a caveira en recordo do seu período de anacoreta. Aos seus pés pódese ver a un león que fai referencia a unha lenda segundo a cal este animal acompañaríao alí a onde fose despois de que o santo o librara dunha gran espiña que tiña incrustada na pata, porén esta episodio lendario parece ser que lle ocorreu a san Xerásimo e non a Xerome. A escultura atópase vestida de cardeal con capelo de á ancha, no entanto este santo só foi sacerdote, sen chegar a ser cardeal. Emparéllase coa escultura de san Gregorio –outro dos catro Doutores da Igrexa– dentro do conxunto da fachada.

                                         1-San Xerome.

  • Hércules: O uso da imaxe de Hércules por parte do Gremio de Mareantes apréciase nos seus «seldros» ou insignias –sobre este tema existe o debate de se se trata de Hércules ou Teucro– e tamén na ornamentación exterior da basílica. Así, nos remates da crestería observamos sendas figuras representando ao heroe espido; tamén se mostra nun dos medallóns da porta sur. Na fachada principal que nos ocupa, volve a aparecer a figura de Hércules, barbado e portando unha maza, no remate do contraforte esquerdo. Filgueira Valverde anota que posiblemente non fora realizada nin por Cornielles nin por Juan Noble, tratándose dunha escultura anterior que viría a substituír ao san Xoán Bautista que aparece na traza da fachada e foi parar a outra parte da composición. Deixando a un lado a posible desviación do mito de Hércules, como patrón humanístico do Gremio, cara ao de Teucro no maxín pontevedrés –apaixonante tema sobre o cal Filgueira fía con astucia–, a representación do Herakles grego na fachada do templo vén representar o vencemento dos vicios e a superación das debilidades humanas.

  •                   2-Hércules / Teucro

  • Cristo sentado á esquerda do Pai: Moitos quixeron ver nesta representación da Trindade un sinal herético de Cornielles. Esta iconografía coroa a fachada-retablo, escoltada por un pináculo a cada lado, remate á súa vez das pilastras do tema da coroación da Virxe que se atopa aos pés da Trindade, e baixo un dosel en forma de venera.
    O motivo da situación do Fillo con respecto ao Pai escapa de solucións heterodoxas. Na época da realización da fachada da basílica, século XVI, era costume o servirse de gravados que viñan nas biblias do momento para a realización iconográfica das esculturas e mais dos relevos. Nas xilografías que ilustraban estas biblias adoita aparecer a figura de Cristo á esquerda do Pai, causa última que escusa a disposición que podemos apreciar no templo pontevedrés.

     3- Trindade
Descubrir os moitos segredos simbólicos e ornamentais desta soberbia edificación, así como a historia da súa construción, depara momentos de gran ledicia. Convídovos a facelo.


Para saber máis:

- FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ, B.: Santa María la Mayor. Una iglesia parroquial, Xunta de Galicia, La Coruña, 2004.

- FILGUEIRA VALVERDE, J.: La Basílica de Santa María de Pontevedra, Fundación Barrié de la Maza, La Coruña, 1991.

- GARCIA IGLESIAS, J. B.: «San Jerónimo, el santo con gafas de Santa María», [en liña], [citado o 29-1-2016], dispoñible en http://pontevedraviva.com/opinion/2085/jeronimo-santo-gafas-santa-maria/

- http://www.arteiconografia.com/2016/07/san-jeronimo.HTML  [en liña], [citado o 22-9-2016]


Comentarios

Publicacións populares